Novas e comunicacións

Nova imaxe na publicación do Rexistro de Buques de Galicia

12/09/2022

O Portal da Plataforma Tecnolóxica da Pesca ten como obxectivo facilitar ferramentas de xestión e explotación da información sectorial. Neste senso, o Rexistro de Buques de Galicia é un contido que desde os inicios do proxecto estaba dispoñible para a súa consulta é explotación.

Esta mañá actualizouse a presentación dos contidos do Rexistro de Buques de Galicia de tal xeito que, ademais da modernización tecnolóxica subxacente, ofrécese unha maior funcionalidade e usabilidade, ademais de adaptar o contido para a súa consulta en todo tipo de dispositivos.

Entre as novidades podemos destacar a posibilidade de filtrado en función dun número significativo de características: nº de cfpo, marcas externas, nome do buque, porto base, características técnicas, etc.

Ademais, o novo desenvolvemento facilita a visión en pantalla dos campos de información de interese para a consulta particular do usuario.

Por outra banda, a solución ofrece a posibilidade de realizar informes agregados, de tal xeito que se permite resumir a información xestionada en base a un conxunto de criterios de interese (caladoiro principal, provincia, zona administrativa de produción, porto base, tramos de eslora, potencia e/ou arqueo, etc.), para unha serie de indicadores predefinidos (nº de buques, arqueo GT total, medio, máximo e mínimo, etc.).

Esperamos que a actualización realizada sexa do agrado dos usuarios do servizo e facilite a posta a disposición do público a información relevante relativa ao Rexistro de Buques de Galicia.