Ocupesca 2019



Prólogo


Unha década nunha vida dunha persoa pode ser moito ou pouco. Incluso unha persoa nun sector pode ser moito ou pouco. Mais a evolución dun sector durante unha década marcada polas persoas que o compoñen é importante. Supón un trazo na Historia e si se trata dun sector coma o marítimo-pesqueiro galego, ese trazo que marcan as xentes do mar toma visos de sumo interese para a nosa comunidade.

Cinco enquisas de Ocupesca marcan hoxe ese trazo xeral do sector en termos socieconómicos. Esas historias individuais marcan unha historia con maiúsculas que reflicte o seu rumbo nesta ferramenta que acredita a evolución desas dúas partes, a económica e a social, que complementan ao ambiental nun equilibrio que debe soster a actividade, tal é como se sinala na Política Común de Pesca.

Mais ese trazo agregado é, como ben dicía, a suma de moitas historias individuais. Son historias de sacrificio, de dedicación, de traballo, de saber facer. Son historias que, cando un barco se despeza ou unha actividade acuícola se pecha, non volven atrás. Con cada persoa vaise unha historia, e iso non queremos que suceda, porque para seguir facendo a historia do mar de Galicia fan falla moitas persoas que marquen a intensidade e o grosor do trazo.

Queremos un Rendemento Máximo de Persoas acuicultoras e mariñeiras, que teñan a súa actividade afirmada na rendibilidade e no sustento laboral. Queremos que o trazo da parte social e económica sexa positivo e para ver cara a onde vai ese trazo temos o OCUPESCA.

A imaxe de 2019 reflicte que nos últimos anos temos un trazo social que se torna estable despois de asumir os axustes dunha crise que, con todo, soportaron coma un temporal e onde aguantaron mellor ca outros sectores de actividade. Así, o emprego neste sector mantense case en equilibrio desde 2017, cunha ínfima baixa do 0,19%, e mantén datos positivos na pesca na comparanza co 2015 (+216 persoas) e da acuicultura en relación a 2013 (+161 persoas).

Se contemplamos o trazo económico desta actividade, vemos como, a pesar dos vaivéns da economía, este se mantén firme e cara arriba, facendo que eses movementos económicos xerais teñan solo tendencia positiva no eido marítimo-pesqueiro, superando tanto na facturación coma no índice de euros por ocupado a liña xeral marcada polo IPC.

Na pesca, a facturación veu medrando de forma xeral ata acadar un 22% máis ca en 2010, o que eleva os ingresos medios por tripulante nun 53% desde ese mesmo ano, feito que ten un fito relevante na mellora dos ingresos medios por persoa no segmento das artes menores, con 30 puntos porcentuais por riba desa media por tripulante. Na acuicultura, esa mellora é perceptible tamén, subindo a facturación e a media por empregado no entorno do 18% con respecto a 2012, ano no que a actividade tocou fondo xunto coa situación económica xeral.

Tendo en conta estes trazos, non cabe dúbida de que desta imaxe debemos sacar unha conclusión sobranceira: a necesidade de manter firme e en positivo a evolución dos eidos sociais e económicos desta actividade. Para iso precisamos certeza e seguridade no pulso que marca a evolución do debuxo, e ambas veñen marcadas polo deseño dun marco estable nos planos da ordenación e xestión das actividades do mar.

Sirvan para exemplificar esa necesidade en aspectos coma o das afectacións que diversas normativas teñen sobre o palangre de superficie, que é o segmento que máis medra en termos laborais desde 2017, ou da necesaria certeza e estabilidade das condicións do desenvolvemento da acuicultura, que tamén medra neste bienio que analiza este Ocupesca 2019 que agora temos ao noso dispor.

Todo iso marca o trazo que debuxa a nosa historia, e esta debe continuar sumando cantos protagonistas poidamos. Para darnos reflexo da súa evolución estará esta enquisa Ocupesca onde os números se tornan imaxe.


Rosa Quintana Carballo

Conselleira do Mar