Ocupesca 2019



Introdución


OCUPESCA 2019 é a quinta publicación dunha serie comenzada o ano 2011 cos obxectivos de obter unha imaxe real das dimensións sociais e económicas da pesca e da acuicultura mariña en Galicia mediante o coñecemento da poboación ocupada e das características económicas dos buques pesqueiros e das empresas de acuicultura.

A presente edición está realizada sobre os buques con porto base en Galicia e sobre os establecementos acuícolas que figuraban nos rexistros durante o ano 2019.

Como complemento ao obxectivo principal de obter unha visión actualizada de ambos sectores, con esta quinta edición vai collendo corpo unha perspectiva histórica que pon en valor o traballo realizado durante as anteriores edicións.

A operación Ocupesca 2019 está programada no Programa estatístico anual da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020 como a operación 3205-01 “Enquisa de ocupación na pesca”.

A coordinación do proxecto, o deseño da mostra e a obtención dos resultados a partir da base de datos levouse a cabo dende a Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar. O traballo de campo desenvolveuno a empresa Instituto Sondaxe S.L.

O Instituto Galego de Estatística (IGE) achegou importantes suxestións á parte xeral e, de xeito máis específico, colaborou no referente ás características económicas, tanto na fase de deseño dos cuestionarios coma na obtención dos resultados.


Metodoloxía


O universo da enquisa Ocupesca na súa edición de 2019 está composta, no caso da pesca extractiva, polo conxunto dos buques pesqueiros con porto base na Comunidade Autónoma de Galicia e, no caso da acuicultura, polas empresas que posúen establecementos de cultivo mariños en Galicia de tipo criadeiros ou granxas, liñas ou gaiolas, parques de cultivo e bateas. En consecuencia, no caso da pesca extractiva cada unidade de mostraxe correspóndese cun único buque, mentres que no caso da acuicultura cada unidade de mostraxe se corresponde cunha empresa que pode ter máis dun establecemento e mesmo establecementos de distinto tipo. Tendo isto en conta, cando a empresa acuícola posúe establecementos de distinto tipo, a súa atribución a un ou outro estrato de mostraxe responde ao criterio da explotación principal, entendida como aquela que achega maior facturación á empresa.

Tendo como marco o Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia e a base de datos para a xestión de cultivos mariños de Galicia, o deseño de mostraxe realizado tivo como referencia un universo de 4169 buques con porto base en Galicia e 2578 empresas de acuicultura na comunidade. Partimos pois de dous universos de estudo distintos e polo tanto de dúas submostras específicas. Estas submostras divídense pola súa vez en diferentes estratos, tal e como se amosa na táboa da páxina seguinte.

No caso da pesca extractiva este universo foi estratificado en función do caladoiro (comunitario, nacional ou internacional) e a arte de pesca principal (arrastre, cerco, arrastre e cerco, enmalle, palangre de fondo, palangre de superficie e artes menores), dando lugar a 10 estratos, sobre os que se procedeu á selección dunha mostra aleatoria simple.

Respecto da acuicultura mariña, os parámetros para a estratificación tiveron en conta o tipo de establecemento principal da empresa (criadeiros e/ou granxas, liñas e/ou gaiolas, parques de cultivo e bateas) dando lugar a 3 estratos.

Salvo en determinados estratos onde, debido á súa reducida poboación, a mostra abarcou a totalidade do universo; no resto dos estratos, que conforman a gran maioría, seleccionouse unha mostra aleatoria simple.