Acuicultura mariña
Galicia constitúe un dos principais epicentros pesqueiros da Unión Europea, onde o mar é moito máis ca un recurso natural: é unha presenza constante que configura a cultura, a economía e o día a día de milleiros de persoas. Neste escenario, a acuicultura emerxe como un elemento clave da economía azul galega, destacando tanto pola súa capacidade produtiva como pola súa contribución ao desenvolvemento social e territorial.
No ano 2025, a produción acuícola acadou os 189.251.552 quilos, dos cales 177.638.577 corresponderon ao mexillón, cultivado maioritariamente en bateas. Este dato supón o 93,9 % do total, unha mostra clara da especialización do sector e da forte vinculación entre o modelo produtivo e as condicións naturais das rías galegas. O 6 % da produción restante concéntrase fundamentalmente en especies de peixe plano, en concreto o rodaballo e o linguado que, malia representar unha porcentaxe menor en volume, achegan o 44 % do valor económico e amosan unha tendencia crecente no mercado.
Cómpre sinalar que o 2025 estivo marcado pola presenza de episodios de biotoxinas mariñas que condicionaron a actividade produtiva e tiveron impacto nos volumes finais de mexillón. Tendo en conta, ademais, de que se trata dun cultivo especialmente dependente das condicións ambientais e meteorolóxicas, o que introduce un importante grao de variabilidade interanual.
Pero, máis alá das cifras, a acuicultura representa un piar esencial para a cohesión social nas zonas costeiras, ao xerar emprego e oportunidades que permiten manter viva a poboación no litoral. Ademais, desempeña un papel relevante na garantía dunha produción alimentaria sostible e de calidade, consolidando Galicia como referente europeo na xestión responsable dos recursos mariños.
Neste anuario ofrécese unha visión ampla e rigorosa da evolución do sector, nun contexto marcado por desafíos como a sustentabilidade, a innovación e o cambio climático. Ao mesmo tempo, búscase recoñecer o compromiso e o traballo conxunto de profesionais, institucións e comunidades que fan posible que a acuicultura galega siga sendo un exemplo a nivel internacional. Por ese camiño continuaremos traballando desde a Xunta de Galicia.
Marta Villaverde Acuña
Conselleira do Mar da Xunta de Galicia