Rexistro de Buques Pesqueiros 2013



Prólogo


Se botamos a vista atrás, e non tantos anos, temos por certo que a flota pesqueira e marisqueira galega cambiou e moito. Sen dúbida, os nosos pais e avós non recoñecerían hoxe moitos dos peiraos de hoxe ao ver moitos buques de fibra e aceiro amarrados nos seus cantís e pantaláns, que viñeron a darlle o relevo á maioría de barcos de madeira que habituaban a atracar nos nosos portos. Pero mesmo os propios tripulantes non darían creto ao ver vinte anos despois a evolución do traballo abordo. Aparellos hidráulicos e eléctricos cumpren hoxe en día a labor que os brazos e o seu esforzo cumprían non hai tantos anos.

Neste sentido, Galicia e o devir da súa flota son reflexo e influencia da evolución do mundo do mar e sofre e goza ao mesmo tempo dos seus vaivéns, xa sexan a nivel europeo ou mesmo mundial. A necesaria adecuación aos niveis de flota establecidos pola daquela CEE e a obrigada busca dun equilibrio entre disposicións e posibilidades de pesca foron a cruz dun espazo europeo que tamén nos trouxo a modernización dos buques e a consecución dunha maior competitividade. Ademais, a area que nos veu sobrevida coa imposición dos límites das 200 millas de Zona Económica Exclusiva ou coa obrigada asunción de acordos pesqueiros con terceiros países deron a de cal na forma de grandes buques con capacidade de pesca e almacenaxe abordo nos que se plasmou o maxín da necesidade.

Pero houbo un elemento que non cambiou por moitos xiros de rumbo que deran as circunstancias e aínda asumindo os pequenos axustes acontecidos en anos coma o 2013: o liderado da flota galega no marco español e europeo.

Si, Galicia é hoxe a primeira potencia pesqueira de España e de Europa. Na nosa comunidade teñen porto base o 5,52% dos buques da UE e o 42,9% dos buques españois, e son as pezas fundamentais dun mecanismo que move a máis de 40.000 persoas que viven do sector marítimo-pesqueiro galego.

Vendo este puntal que a flota e as tripulacións son na nosa estrutura socioeconómica, só cabe engadir o importante esforzo que a Administración autonómica galega desenvolve día a día para darlle a xusta e necesaria resposta. Ir á vangarda da pesca, do marisqueo e da acuicultura tamén supón facelo en termos administrativos, e nesa resposta traballamos arreo, labor do que é exemplo sobranceiro o Servizo de Análise e de Rexistros da Secretaría Xeral do Mar. Así, seguimos na aposta de darlle ao sector o pulo que nos leve a retomar camiños de futuro, para o que estamos apostando por desenvolver un importante esforzo nos tres eixes de traballo que marcamos nese rumbo como son o avance da valorización comercial dos produtos do mar, a internacionalización da produción pesqueira e, sobre todo, no reforzo da estrutura e infraestrutura do sector.

Coñecer mellor esa estrutura, pór de relevo a dimensión social e económica do sector e adecuar as accións e actuacións públicas de cara a ese fin é o obxectivo básico desta publicación anual, que se une a outras avaliacións estatísticas periódicas e que nos referendan na imaxe da importancia da dimensión da nosa pesca, do noso marisqueo e da nosa acuicultura e nos animan a seguir con este esforzo que pon á disposición e alcance da sociedade esa descrición do sector.

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar