Rexistro de Buques Pesqueiros 2013



Introdución


O Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia1 constitúe un instrumento básico, non só como ferramenta á que acudir para coñecer o esforzo pesqueiro aplicado na explotación de recursos pesqueiros da frota galega, senón tamén como sostén doutras aplicacións relacionadas coas xestións que deben realizar os diferentes axentes que interveñen no circuíto de produción-comercialización. Así, grazas a este rexistro, os armadores poden declarar a alternancia das súas embarcacións de artes menores2 ou transportar por vía terrestre as súas capturas antes da primeira venda amparados co correspondente documento3 e as lonxas/centros autorizados de primeira venda poden elaborar e transmitir axeitadamente as notas de venda das transaccións realizadas nelas4. Neste sentido, a interrelación do rexistro con estas aplicacións, a través da Plataforma Tecnolóxica da Pesca, de terminais de autoxestión instalados nos portos galegos (Ticpesc) ou das novas ferramentas que se instalen consecuencia dos avances tecnolóxicos, permiten mellorar, día a día, os servizos ofrecidos aos diferentes sectores.

Con esta publicación, un ano máis, é o noso obxectivo difundir a través da Plataforma Tecnolóxica da Pesca (www.pescadegalicia.com), a dimensión da frota galega dedicada a labores de pesca extractiva e de marisqueo da lista terceira do Rexistro de Matrícula de Buques que ten como base un porto da nosa comunidade autónoma. Este anuario de 2013, contempla, ademais, como novidade, a inclusión dun capítulo referente ás embarcacións auxiliares de pesca e de acuicultura pertencentes á lista cuarta do rexistro mencionado anteriormente, tras presentarse o pasado ano un adianto deste tipo de frota na súa imaxe a 31 de agosto.

Os datos ofrecidos, como nas anteriores edicións, refírense á situación do Rexistro de Buques de Galicia o 31 de decembro e permiten observar a evolución dos diferentes segmentos de frota respecto do peche anual. Adicionalmente, cómpre indicar que a actualización dos datos desta publicación se poderá seguir diariamente, con carácter provisorio, a través da Plataforma Tecnolóxica da Pesca.

O 31 de decembro de 2013, a cifra total de unidades inscritas no Rexistro de Buques de Galicia era de 5.855, 4.583 buques da 3.ª lista e 1.272 buques da 4.ª lista.

Con respecto á frota da 3.ª lista, buques de pesca extractiva e marisqueo, as cifras xerais do ano 2013 amosan a continuidade da tendencia de moderado descenso no número de unidades que se viña rexistrando desde o ano 2009 respecto do descenso máis acusado rexistrado con anterioridade. Aínda que, no 2013, a variación interanual é inferior a anos anteriores, cunha cifra do -1,04% fronte ao -2,18% ou -1,33%, do 2012 e 2011 respectivamente. A baixada afecta principalmente a embarcacións de pequeno porte correspondentes ao censo de artes menores do caladoiro nacional Cantábrico-Noroeste, fundamentalmente da provincia de Pontevedra. No 2013 este descenso foi máis acusado nas zonas I-Vigo e II-Pontevedra e apenas perceptible na zona III-Arousa.

Dos 4.583 buques pesqueiros e marisqueiros, destaca en número de unidades o segmento de frota de artes menores, que, cunha cifra de 4.017 embarcacións, o sitúa como un sector estratéxico para as poboacións costeiras galegas, continúa o marisqueo desde embarcación como arte con máis presenza e atópase no 63% das embarcacións.

Con respecto á frota da 4.ª lista, buques auxiliares de pesca e de acuicultura, o rexistro devolve unha cifra de 1.272 embarcacións, cun aumento neto de 5 unidades respecto ao 31 de agosto. Respecto á estrutura desta frota, pódese afirmar que aproximadamente o 82% (1.048 embarcacións) axudan na realización de labores de acuicultura ás bateas existentes en Galicia, un 6% (72 embarcacións) son empregadas polos parques de cultivo como auxiliares da súa actividade e o restante 12% utilízanse como auxiliares de pesca, esencialmente para o exercicio do marisqueo nos portos de Ferrol e Barallobre.

Xeograficamente, esta frota distribúese na provincia de Pontevedra (57,70%), e A Coruña (42,30%). Por zonas administrativas, destaca a zona III-ría de Arousa, que con 888 buques constitúe case o 70% do conxunto. Deste xeito, obsérvase como catro portos desta ría, O Grove, A Illa de Arousa, Rianxo e Cabo de Cruz-Boiro, concentran case a metade (46,14%) do conxunto da frota auxiliar de Galicia.

En canto ás características técnicas, é de resaltar que case a metade (45,99 %) se sitúa nun rango de eslora entre 12 e 18 m, e predominan as embarcacións con arqueos situados entre os 25 e os 100 GT (35,38%) e motores con potencia superior a 150 CV (41,98 %).

Estrutura da publicación

A primeira parte dedícase á presentación dos datos a partir dunha análise xeral da totalidade da frota pesqueira galega.

A segunda, céntrase na frota de artes menores, a máis significativa en canto a número de unidades, e achega información dos principais grupos de artes, así como daquelas que, pola súa significación, se consideran de especial interese: artes de anzol (liña ou cordel e palangrillo), marisqueo (desde embarcacións, percebe e rastro de vieira ou volandeira), artes menores de cerco, enmalle (miños, trasmallos e vetas), nasas (para nécora e camarón, para polbo). Cómpre indicar que, dado que un mesmo buque pode constar de dous ou máis grupos de artes, en concordancia coa normativa que regula a alternancia de artes, nos informes de desagregación ofrecidos por grupos ou segmentos de artes, os datos consolidados non se corresponden coa suma dos datos desagregados e, polo tanto, a mesma unidade pode contabilizarse en dous grupos de artes diferentes.

Na terceira, preséntase a información dos buques de cerco do caladoiro nacional Cantábrico Noroeste, por ser este censo o máis numeroso despois do de artes menores.

Por último, a publicación remata presentando os datos dos buques auxiliares de pesca e de acuicultura.

En calquera destas catro partes ofrécense os datos por provincias, zonas de produción, portos base e por tramos de eslora, arqueo e potencia, e na pesca extractiva, ademais, por caladoiros.

Outros datos

Seguindo a liña de anteriores edicións, nesta introdución achéganse outros datos de interese relacionados co soporte que ofrece o Rexistro de Buques de Galicia á aplicación informática de despacho de alternancia de artes para as embarcacións de artes menores. Ao longo do 2013, tramitáronse 46.460 despachos de cambio de arte, por riba da cifra media de 40.282 dos últimos 5 anos nos que vén funcionando esta ferramenta informática. É de resaltar a evolución ascendente dos despachos realizados polos propios armadores a través dos terminais Ticpesc, desde que no 2010 se iniciou este proxecto en diversos portos galegos. Neste sentido, pasouse de xerar o 2,24 % do total de despachos no ano 2010 (con 6 terminais en funcionamento), ao 17,76 % no 2011 (con 26 terminais funcionando), o 36,82 % no 2012 (30 terminais operativos) e o 42,65% no 2013 (30 terminais operativos).

Por último, indicar que a información ofrecida pola presente publicación aparece recollida no Programa estatístico anual da Comunidade Autónoma de Galicia para 2014 pola operación 32-101 "Explotación do Rexistro de Buques Pesqueiros da comunidade autónoma", tal e como recolle o Decreto 188/2013, do 19 de decembro5. Os obxectivos desta operación estatística son coñecer as características –actividade, artes empregadas, zonas xeográficas de pesca, capacidade de pesca (CV) e capacidade de almacenamento (GT)– da frota pesqueira con base nos portos da comunidade autónoma. Coa presente edición de 2013 dáselle axeitado cumprimento ao compromiso de divulgación adquirido no ámbito do Programa estatístico mencionado.



1O Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia creouse no ano 1991 mediante o Decreto 232/1991, do 4 de xullo, polo que se crea o Rexistro de Buques de Pesca, Marisqueo e Acuicultura de Galicia (DOG núm. 133, do 12 de xullo de 1991).
Ten por obxecto asentar todas as incidencias, situacións e modificacións da vida dos buques: altas, baixas, cambios de base ou de titularidade ou cambios nas características estruturais. Na actualidade, as normas que regulan o Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia son: 2Orde do 26 de outubro de 2004, pola que se regula a alternancia de artes para embarcacións que pesquen en augas da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 215, do 4 de novembro de 2004), modificada.
3Orde do 8 de febreiro de 2008 pola que se regula o control da descarga e do transporte dos produtos pesqueiros frescos ata a fase de primeira venda e o transporte de moluscos bivalvos, equinodermos, tunicados e gasterópodos mariños vivos (DOG núm. 52, do 13 de marzo de 2008), modificada.
4Orde do 7 de febreiro de 2008 pola que se establece o sistema de transmisión de datos na fase de primeira venda da pesca fresca (DOG núm. 40, do 26 de febreiro de 2008), corrixida
5Decreto 188/2013, do 19 de decembro, polo que se aproba o Programa estatístico anual da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014 (DOG núm. 249 do 31 de decembro de 2013).