Ocupesca 2021



Prólogo


Os sectores pesqueiro e acuícola de Galicia teñen demostrado ao longo da súa historia unha gran fortaleza e unha capacidade de adaptación ás dificultades sen parangón. É algo que quedou patente en numerosas ocasións no pasado e que volve poñerse de manifesto nesta edición 2021 da enquisa Ocupesca. As dúas actividades tiveron que facer fronte nos últimos anos a importantes atrancos -como o encarecemento dos combustibles, das materias primas ou as consecuencias da alerta sanitaria pola covid-19, ademais doutras específicas de cada unha delas- e lograron superalas todas con moi boa nota.

Se analizamos os datos con perspectiva de medio e longo prazo constatamos que ambos sectores teñen características comúns que lle aportan ese vigor contribuíndo ao seu bo comportamento. Resiliencia, competitividade, produtividade ou máxima calidade son palabras indisolubles da frota e das empresas acuícolas galegas que nos fan estar seguros de que ambas actividades teñen moito futuro se non atopan no seu camiño obstáculos innecesarios e inxustificados.

A frota pesqueira galega reduciuse nos últimos anos como consecuencia de medidas como as rebaixas nas posibilidades de pesca en augas comunitarias, pero soubo adaptarse e a súa masa laboral incluso se incrementou. Se na edición de 2017 da enquisa Ocupesca a actividade extractiva en Galicia contaba con 11.377 ocupados, no ano 2021 superaba os 11.550 malia o impacto da pandemia, case un 2% máis.

Algo semellante ocorre co sector acuícola, que viu como diminuía lixeiramente neses catro anos o número de establecementos de acuicultura, pero o número de empregados no sector pasaba de 5.229 a máis de 5.400.

Estas cifras son un bo reflexo da resiliencia de ambos sectores, da capacidade de adaptación e superación das dificultades que se lle van presentando e tamén da vontade de continuidade das empresas do sector, de apostar por un medio de vida que, aínda tendo na remuda xeracional un dos seus principais desafíos, ten futuro se todas as partes implicadas na súa xestión e no seu desenvolvemento remamos na mesma dirección.

Pero a enquisa Ocupesca 2021 aínda aporta máis datos desa fortaleza e da boa evolución de ambos nos últimos anos. A actividade económica xerada pola frota pesqueira nese ano superou os 842 millóns de euros, cun incremento superior ao 24% en pouco máis dunha década, en relación con 2010. As empresas de acuicultura manteñen unha tendencia semellante e a súa aportación superou os 314 millóns de euros, un 14% máis ca 11 anos atrás.

Son datos que reflicten a competitividade de ambas actividades e que agochan detrás unha cuestión aínda máis importante, o aumento da produtividade dos seus profesionais. No caso da pesca, a facturación por cada mariñeiro embarcado subiu preto dun 50% entre 2010 e 2021, ao pasar dunha media de 49.300 euros a preto de 73.000 euros. Mentres, no caso da acuicultura a cifra de negocios por traballador pasou de máis de 46.000 euros en 2010 a superar os 58.000 euros en 2021, cun incremento do 25%. Este comportamento mostra unha vez máis que Galicia conta cos mellores profesionais, cos máis preparados, eficientes e eficaces tanto no sector pesqueiro como no acuícola.

Ese bo facer é o que contribúe a que, máis aló da propia excelencia dos recursos que se extraen e producen nas nosas rías, os produtos do mar de Galicia que chegan aos consumidores se asocien sempre coa máxima calidade. Por tanto, a enquisa Ocupesca volve acreditar que os profesionais do noso mar fan medrar o sector marítimo-pesqueiro galego e son os auténticos responsables de que poidamos dicir ben alto e con moito orgullo que Galicia sabe a mar.


Rosa Quintana Carballo

Conselleira do Mar