Anuario de pesca 2023



Presentación


Hai dúas décadas xa, no ano 2003, que se publicaba o primeiro Anuario de Pesca de Galicia, un pioneiro e completo rexistro que daba fe da produción pesqueira da nosa comunidade nas súas 146 páxinas. Era o traslado a papel, e aos formatos dixitais de documentos que comezaban a ser tendencia, de todo o potencial que prometía poñer á disposición do sector marítimo-pesqueiro galego a Plataforma Tecnolóxica da Pesca. Meu dito e meu feito, pois nos últimos vinte anos www.pescadegalicia.gal tense convertido nun sistema determinante para o control das transaccións e poxas de pesca fresca, permitindo coñecer case en tempo real, e desde calquera lugar do mundo, información sobre a cantidade de peixes e mariscos que chegan ás nosas lonxas e por canto se vende, permitindo a explotación dos datos tanto a efectos estatísticos como comerciais. Ten demostrado que é, por tanto, unha eficaz ferramenta de xestión dos asuntos da pesca.

Se hai algo que neste tempo aprendemos é que o que non se mide, non se pode mellorar, e o que non se mellora, queda estancado ou retrocede. Nós pretendemos seguir a mellorar e, por iso, para conmemorar estes vinte anos de datos arredor do noso sector pesqueiro lanzamos unha evolución sen precedentes do portal que ofrece toda esta información estatística.

Esta nova e áxil ferramenta introducirá novas posibilidades de explotación dos rexistros sobre a primeira venda en lonxa e centros de venda autorizados de Galicia dentro da Plataforma Tecnolóxica da Pesca, que se abre aos profesionais do mar e ao público en xeral e permitirá realizar buscas, organizar a información e presentala da forma máis atractiva e gráfica posible.

Os datos demostran que o ano pasado foi un exercicio repleto de desafíos e retos. Algunhas dificultades chegaron polas restritivas regras de xogo marcadas desde a Comisión Europea, tanto polos recortes a importantes especies para a frota galega, caso do xurelo, como polo duro golpe que supuxo para a actividade, e en especial para o palangre, o veto comunitario decretado ás artes de fondo no Atlántico Noroeste. Outras viñeron marcadas polo impacto do cambio climático e as inclemencias meteorolóxicas, que golpearon os bancos marisqueiros das rías galegas o pasado outono e provocaron, pola alta temperatura da auga e a baixada da súa salinidade, unha altísima mortaldade nos bivalvos.

Neste contexto as 65 lonxas galegas comercializaron preto de 126.000 toneladas de máis de trescentas especies diferentes de peixes, bivalvos, cefalópodos, crustáceos, algas ou equinodermos. O volume de negocio acadado baixou ata o entorno dos 412,3 millóns de euros. Pola súa banda, o prezo medio, que no ano 2022 acadara o rexistro máis alto da serie histórica que arrinca en 1997 situándose nos 3,26 euros por quilogramo, elevouse lixeiramente para marcar un novo máximo moi preto dos 3,28 €/Kg, destacando o importante que é ter unha estratexia centrada en xerar o máximo valor posible dos nosos recursos pesqueiros e acuícolas.

Porque o obxectivo desde Galicia, a primeira potencia pesqueira europea, non pode ser outro que maximizar a sustentabilidade e rendibilidade do conxunto da cadea mar-industria, desde a actividade extractiva á primeira venda nas lonxas e a posterior transformación e distribución. En ningún lugar do vello continente tantas familias dependen como en Galicia do mar, arredor de cincuenta mil; non hai outro espazo tampouco en Europa onde máis do 90% das actividades económicas se vinculen con estas actividades, que representan preto do 5% do PIB da comunidade.

Por todo isto imos a redobrar os esforzos para promover un sector marítimo-pesqueiro sostible e rendible do primeiro ao derradeiro elo da cadea, defendendo os seus intereses onde sexa necesario. Continuaremos a velar polas necesidades das nosas xentes do mar e promocionando os seus produtos porque esa é a vía que nos marcamos e que se resume no AMAR GALICIA.

Alfonso Villares Bermúdez

Conselleiro do Mar