Anuario de pesca 2019



Presentación


Cando unha persoa se achega a unha lonxa, no seu patio de subhastas ou nas diferentes canchas onde se poxa pode observar, cada día, moita cantidade de peixe e marisco. Milleiros de toneladas de máis de 270 especies pasan cada ano polas lonxas galegas, e resulta importante cuantificar todo iso.

Non hai tanto que esta cuantificación se facía nun papel de estraza e medindo a ollo ou, nalgún caso, por quintais, arrobas ou mesmo patelas e casilleiros. Hoxe, con medios dixitais e o esforzo de moita xente, mantense un sistema de trazabilidade e recollida de datos, que comeza nas lonxas e remata na Consellería, que nos permite ver a cada paso como está e como funciona o noso sistema comercial de produtos do mar frescos.

Con este sistema podemos ver non so os datos agregados, senón tamén o comportamento e as diferencias de como flutúa o mercado segundo áreas, grupos de especies ou mesmo lonxas. Así podemos comprobar que peixes baixaron ou subiron e relacionar esa variación coas normas de xestión ou os fenómenos biolóxicos, ou como o marisqueo evoluciona ao subir a descarga e facturación de bivalvos. Mais tamén observamos como as tendencias da estrutura comercial se van transformando, agrupándose vendas e especializando lonxas mediante procesos totalmente flexibles e autónomos.

A este respecto, en termos de descargas podemos ver unha variación significativa de especies do cerco, marcada por cuestións biolóxicas, coma o caso da xarda pintada e da boga, e en parte pola ausencia de parte da frota pola alta rendibilidade da campaña da anchoa no Cantábrico. En termos de facturación, observamos como se dá unha minoración de contías pola venda de pescada, especialmente da procedente do Gran Sol, mais sendo aínda a principal especie en facturación e tendo nese caladoiro a súa fonte fundamental de orixe.

Mais, en termos totais temos que destacar un factor importante e positivo, xa que o prezo medio das vendas en 2019 foi de 2,94 €/kg, marcando de novo un récord histórico na serie 2005-2019 e estando un 16,6% por riba da media anual.

Cabe subliñar que os aspectos comerciais da actividade nas lonxas evoluciona por riba do IPC, xa que desde 2009 este subiu nun 15,4%, namentres que o prezo medio ascendeu nun 36,1% respecto do acadado nese ano.

Temos un bo ronsel, pero pola proa ábrense novos retos e debemos afrontalos. Por iso, tendo como base un sector forte e competitivo e apoiándose nunha estrutura comercial de capacidade probada, solo poido sinalar a importancia de seguir sumando, entre todos, cifras positivas para o sector marítimo-pesqueiro galego.

Rosa Quintana Carballo

Conselleira do Mar