Presentación
ROLANDO O VENTO DA PESCA: MELLORES DATOS, MELLORES PERSPECTIVAS.
Quen sume xa algúns anos lembra aqueles tempos pretéritos nos que as contas da lonxa (onde se dicía que non se pregunta, senón que se apunta) se anotaban nun papel de estraza, pasándoos despois a uns libros de estadillo onde a confraría ou a vendeduría apuntaban debes e haberes cada día.
Eran aqueles anos os de frotas amplas, de barcos de madeira que descargaban as súas capturas de proa ao peirao, seguindo unha batería onde o que máis rápido andaba coa pesca e o que máis corría cara a lonxa gozaba dunha vantaxe comercial. Eran tempos de “levar a mostra” ou de botar o peixe cara a lonxa á man, onde se vendía para levalo polas aldeas en bacías ou patelas ou se cargaba nos vellos camións Barreiros para transitar polas reviradas estradas cara a Madrid ou Barcelona.
Hoxe todo iso cambiou. Pesaxes electrónicos, etiquetadoras automáticas, grúas hidráulicas, venda telemática, autovías e refrixeración nos medios de transporte.... todo cambiou en Galicia, menos a forma de pescar e o noso espírito de pescadores.
Mesmo vemos como a adaptación permanente na que se acha o sector sofre os vaivéns económicos que tamén padece o país. Son os tempos de poñerlle proa coma sempre fixo, de preparar os medios para cando amaine poder dar avante ben armados e decididos. E agora que moderou o vento e rolou para poñerse a favor, vemos como a nosa frota volve a amosar que é competitiva e que a nosa pesca pode saír adiante.
Dínnolo os datos que cada día vai compilando cada confraría, cada asociación, cada autoridade portuaria: imos avante. Avante grazas a unha mellora nas cotas de pesca. Avante grazas a unha mellora na xestión das cotas que nos leva a poder pescar aquí o que antes necesitábamos ir a pescar a outras costas. Avante grazas a unha progresiva revalorización dos nosos produtos do mar nos mercados. Avante grazas sobre todo ao traballo de moitas persoas que seguen vendo no mar o seu futuro.
Galicia bate en 2016 o récord histórico de facturación nas súas lonxas. Atendendo aos datos dispoñibles de vendas dende que hai rexistro –ano 1997, o ano 2016 supera todos os niveis de facturación nas vendas de peixe e marisco fresco, sendo o mellor dos últimos 20 anos. Así dende o 1997 o importe facturado polas vendas de produtos do mar aumentou ata acadar no 2016 os 491 millóns de euros pola descarga de máis de 188.000 toneladas de peixes e mariscos frescos.
Neste senso, o rumbo que levamos parece acertado, xa que en 2015 xa os resultados foron positivos, máis agora cómpre salientar tamén outros que nos din que, amais de mellores cotas, algo está rolando a mellor no vento da xestión da pesca. Falamos de datos coma o caso do cerco, que incrementou en máis dun 51% o volume de descargas e o valor económico nun 15,5%, ou da frota das artes menores, que tamén incrementaron as súas descargas en preto dun 25% e o valor económico en preto dun 45%.
Pero aínda non imos en popa. Agora é a quenda de seguir axustando o rumbo comercial, o da valorización, o que nos da a sostibilidade como froito da competitividade e do noso saber facer no mar. Por iso seguimos apostando por conseguir reforzar a estrutura das vendas promovendo melloras na organización dos mercados, na diferenciación dos produtos e no aseguramento da calidade.
Temos que definir os mellores rumbos e contamos para iso co aval destes datos que, a modo de marcacións, nos achega o Servizo de Análise e de Rexistros como punto focal dun entrabado que nace en cada barco ou en cada mariscadora.
Temos mellores datos e temos mellores perspectivas. De nós, da nosa unidade na definición do rumbo, depende seguir nesta singradura positiva. Sigamos vogando para continuar avanzando.
Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar