Anuario de acuicultura continental 2025



Acuicultura continental


A acuicultura continental en Galicia constitúe unha actividade estratéxica no marco do desenvolvemento sostible do medio e da xestión responsable dos recursos naturais. A súa consolidación ao longo das últimas décadas é resultado do esforzo coordinado entre Administración, sector produtivo e a comunidade científica que contribuíron, de maneira decisiva, á súa modernización e fortalecemento.

O presente Anuario de Acuicultura Continental ten como finalidade ofrecer unha visión rigorosa e actualizada da evolución do sector, recompilando os principais indicadores produtivos, así como a evolución desta actividade no último exercicio. Esta publicación configúrase como unha ferramenta de referencia para a análise, a planificación e a toma de decisións, tanto no ámbito público como privado.

Nun contexto global caracterizado por importantes retos ambientais, económicos e sociais, a acuicultura continental galega continúa avanzando cara un modelo baseado na sostibilidade, na innovación e na eficiencia. A mellora continua dos procesos produtivos, a aposta pola calidade e a seguridade alimentaria, así como a protección do medio ambiente, constitúen liñas prioritarias de actuación. Precisamente, o documento reflicte que a produción no 2025 superou os 2,2 millóns de quilos, o que supuxo un volume de negocio superior aos 11,7 millóns de euros, un 22 % máis que no 2024, ano no que a facturación se situou nos 9,6 millóns.

A Xunta reafirma, a través desta publicación, o seu compromiso co impulso dun sector acuícola competitivo, xerador de emprego e respectuoso coa contorna, promovendo políticas que favorezan o seu desenvolvemento equilibrado e a súa adaptación aos novos desafíos.

Este anuario aspira, en definitiva, a consolidarse como un instrumento útil para o coñecemento e a difusión da realidade da acuicultura continental en Galicia, contribuíndo a poñer en valor a súa relevancia presente e a súa proxección futura.

Marta Villaverde Acuña

Conselleira do Mar da Xunta de Galicia